CARTA EXPLICATIVA SOBRE AS RAZÓNS QUE NOS LEVARON A SUSPENDER A PROPOSTA DE ILP ANTINUCLEAR: REFLEXIÓNS E VALORACIÓNS FINAIS

Amiga, amigo.

Desde setembro de 2016, e diante da perspectiva de que os sete reactores nucleares activos en España prolongasen o seu funcionamento ata os 60 anos (cos perigos e impactos sobre a saúde e o medio ambiente que iso supón), un grupo de persoas estivemos traballando para presentar no Congreso unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP), é dicir, un Proxecto de Lei para o peche ordenado dos devanditos reactores en 2020, 2021 e 2024, datas nas que deben renovar os seus permisos de funcionamento.

Durante máis de 20 meses recollemos apoios e críticas. Máis de 1500 persoas no conxunto de España ofrecéronse voluntarias, a título individual ou como membros de diversas organizacións sociais, para participar na recollida das 500.000 firmas necesarias para a tramitación do Proxecto de Lei; unha mostra de confianza e respecto á que, en parte, tentamos corresponder con esta mensaxe.

Seguimos crendo que só unha ILP ha permitirlle á maioría social contraria á enerxía nuclear facer chegar a súa voz ás negociacións que manteñen representantes das compañías eléctricas e do goberno do momento para acordar a renovación dos permisos.

Pero despois de valorar o traballo desenvolvido nestes meses o grupo impulsor da ILP acordamos suspender a campaña; xa que pensamos que actualmente non se dan as condicións mínimas para lanzala con garantías de éxito.

POR QUE DECIDIMOS NON LANZAR A ILP

Queremos compartir contigo as reflexións que nos levaron a NON lanzar a ILP, e os motivos polos que consideramos que fracasamos. Cremos que é necesario analizar por que unha demanda apoiada por unha ampla maioría social non se puido concretar nunha acción política. Pensamos, modestamente, que o sucedido coa ILP é un exemplo das limitacións e carencias ás que se enfrontan as mobilizacións sociais neste período, e que a súa análise pode axudar a superar ditas carencias e limitacións en futuras mobilizacións que, sen dúbida, se han expor neste campo e noutros ámbitos de loita contra as desigualdades.

Propoñémosche unha reflexión sobre as dificultades obxectivas e as subxectivas, sobre os erros e carencias propios, como colectivo impulsor, pero tamén sobre os alleos, os que afectan o tecido asociativo co que estivemos en contacto.

Tamén te animamos a participar, a enriquecer dita reflexión: a facernos chegar, se queres, as túas opinións. Non pretendemos abrir un debate, senón só axudar a entender. Todo o que recibamos, de ti e de todas as persoas que nos acheguen, reflectirase no blogue http://ilp2020.blog.pangea.org/, pois a resistencia contra a enerxía nuclear non acaba coa retirada da nosa campaña: a ameaza segue activa e seguirao por moito tempo.

Para facilitar a túa achega, e para non alongar demasiado este texto, presentamos as nosas reflexións en forma de tese ou apuntamentos breves, desenvolvendo un mínimo de argumentos que a xustifican. A partir de aquí a reflexión queda aberta.

A.- Un dos nosos erros como colectivo foi traballar para que a ILP fose asumida desde o exterior, é dicir, por parte doutras organizacións sociais e políticas.

B.- Non afondamos na posibilidade de que nós mesmos impulsaramos a ILP, é dicir, lanzarnos a promover directamente unha Comisión Promotora e tentar un efecto “bóla de neve” tendo en conta os resultados moi positivos que tivera a prospección previa, en lugar de presentala como unha sondaxe para avaliar os apoios que tería. O enfoque en forma de sondaxe prefigurou todo o noso traballo e a nosa percepción como colectivo.

C.- Sempre soubemos que o peso das grandes cidades (Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Córdoba, Vigo, Bilbao, etc.) era clave para o éxito da ILP, buscamos contactos e xeramos complicidades con persoas que viven nelas, pero non soubemos remarcar o papel clave que xogaban á hora de explicar o noso proxecto.

D.- O noso colectivo estaba, e está, formado por persoas con activismo noutras reivindicacións. O que implicaba limitacións de axendas e compromisos.

E.- Socialmente produciuse unha reflexión circular en clave axendas: ao tratarse dunha ILP contra a enerxía nuclear a maioría das organizacións consolidadas coas que tivemos contacto asumían, de entrada, que era o movemento ecoloxista, no sentido das organizacións con maior estrutura e presenza nos medios, quen debía impulsala; e que o seu papel era actuar como difusores, unha vez que se iniciou.

F.- Pero, paradoxalmente, a proposta de ILP non foi impulsada polo movemento ecoloxista máis organizado, que se negou, de entrada, mesmo a sondar a súa contorna social máis inmediata para valorar o grao de apoio que podía obter. A causa era que devandito movemento tamén tiña unha axenda propia con outras prioridades, e consideraba a ILP un investimento excesivo de dedicación e esforzos para un resultado incerto.

G.- Todo iso traduciuse noutro paradoxo que se manifestou en varias ocasións ao longo destes meses: os colectivos de base, sensibles ao perigo nuclear pero afastados do movemento ecoloxista organizado, foron os que mellor percibiron a ventá de oportunidade e a urxencia da ILP para presionar para o peche incidindo na renovación dos permisos; en cambio os sectores ecoloxistas máis profesionalizados tan só percibían o que implicaba de perturbación das súas propias axendas de traballo.

H.- A combinación destes tres elementos deu como resultado que a existencia de altas expectativas entre o 2016 e o 2018 nunca se traduciran en compromisos concretos máis aló de contribuír á recollida de sinaturas.

I.- No campo da nova política detectamos falta de experiencia e ausencia dunha reflexión estratéxica colectiva sobre as implicacións da cuestión nuclear. Unha valoración excesiva das posibilidades de incidir desde as institucións (Congreso e Senado) na renovación de licenzas, sen entender a necesidade de vertebrar un movemento social de apoio á non renovación que multiplicase a presión social mais alá do ámbito parlamentario.

J.- Non se pode deixar de lado, aínda que están pendentes de investigar, as formas en que a presión da industria nuclear mantén, de maneira moi eficaz, que o rexeitamento maioritario ás nucleares se limite a unha actitude pasiva. Iso impide, desde hai anos, o paso da protesta ao despregamento dun movemento activo, como pasou con outros conflitos sociais.

K.- Confirmouse tamén a existencia dunha fractura xeracional que impide a transmisión da resistencia nuclear activa cara a sectores sociais mozos. Trátase dun elemento preocupante xa que serán precisamente as xuventudes as que padecerán máis as consecuencias de alongar o funcionamento dos reactores a 50 – 60 anos. Aquí a análise non pode quedar nunha diagnose, é urxente atopar vías para superar esta fractura.

L.- Sempre fomos conscientes de que o lanzamento da ILP era só unha primeira etapa para incidir na industria nuclear desde a sociedade. Nunca nos deixamos levar pola ilusión de que un apoio social masivo aseguraba o peche das nucleares. Pero si que supuña romper a dinámica dun debate limitado aos expertos e a política organizada, e socializar a loita e o debate antinuclear.

M.- Non conseguimos o noso obxectivo básico: compartir o compromiso no lanzamento da ILP cunha entidade social ou política con estrutura organizativa en toda España, de maneira que actuase como columna vertebradora dos miles de persoas dispersas xeograficamente que mostraron o seu compromiso de traballar na recollida de sinaturas.

N.- A quen formamos o Colectivo 2020 quédanos a dúbida dun exceso de prudencia, do resultado que teriamos podido obter se tiveramos optado directamente por formar un núcleo de persoas e organizarnos como Comisión Promotora, en lugar de centrarnos en estender a sondaxe, tal como apuntabamos ao comezo.

REFLEXIÓN FINAL: Malia dar por acabado o noso traballo, e da constatación de que o lanzamento da ILP fracasou, manteremos a nosa actividade de seguimento como Colectivo 2020 LIBRE DE NUCLEARES ata que a renovación das licenzas de funcionamento dos sete reactores sexa un feito inevitable. As graves incertezas de seguridade que rodean o funcionamento das centrais nucleares obrígannos a unha atención continuada, e a estar preparados para un lanzamento inmediato da ILP se se producen avarías ou accidentes de importancia antes de que se outorguen as licenzas, ou se unha nova conxuntura permite a aparición de novos suxeitos activos.

Por tanto, continuaremos o noso traballo de divulgación da evolución do conflito, iso si, sen informar ningunha persoa ou entidade que non o solicite expresamente; está decisión permítenos eliminar a listaxe de contactos que utilizamos ata hoxe para comunicarnos contigo. Se desexas seguir recibindo información puntual, enche este formulario co teu correo electrónico e, opcionalmente, nome. Crearemos unha nova base de datos de contacto só para este tema. Así mesmo, queriamos lembrarche que podes exercer os teus dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición ou limitación no tratamento dos teus datos dirixíndote a ilp2020@pangea.org

Co desexo de que estes apuntamentos che acheguen elementos útiles para entender os conflitos sociais nos que nos achamos inmersos, recibe o noso agradecemento polo teu apoio e un cordial saúdo.

10 de xuño de 2018. Colectivo 2020 LIBRE DE NUCLEARES

Aquesta entrada ha esta publicada en General. Afegeix a les adreces d'interès l'enllaç permanent.

Els comentaris estan tancats.